sábado, 30 de outubro de 2010

Que está a pasar co galego nos medios de comunicación?


Este pasado xoves os Comités de Ciencias da Comunicación celebramos o primeiro acto do novo curso na compaña de Xurxo Souto e Xosé Manuel Pereiro, o Decano do Colexio de Xornalistas de Galiza. Aínda que a verdade o horario non axudaba moito un grupiño de 50 persoas acudiron a esta charla na que intentamos comprender algo mellor que é o que está a pasar co galego nos medios de comunicación.

A charla deu arranque a un conxunto de actividades que ao longo deste curso os Comités levaremos a cabo para concienciar e facer reflexionar a todos e todas sobre a necesidade e o futuro duns medios que comuniquen no noso idioma, en galego. A Universidade, como institución inserida na sociedade, ten que ser un lugar de reflexión e debate ao respecto das problemáticas do país. E na nosa facultade o binomio galego-medios de comunicación debe ser obxecto de continua análise. Por nós que o debate non falte.