terça-feira, 9 de novembro de 2010

Concentración en solidariedade co Pobo Saharaui.


O pasado día o exército de Marrocos asaltou violentamente un campamento que o pobo saharaui erguera pacificamente nos arrabaldes de El Aaiún. As tendas ou jaimas, como alí lles chaman, erguéranse sobre as terras do deserto como sinal de protesta polo sometemento político que o goberno marroquí leva exercendo ao longo dos anos sobre o pobo do Sáhara.

Dende os Comités consideramos inconcebíbel que en pleno ano 2010 non se respecte o libre dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro, o libre dereito dos pobos a ser libres. Mais aló de ideais románticos a propia lexislación internacional recoñece o dereito de autodeterminación, un dereito que tanto en Europa, como en África, parece non existir.

Os intereses económicos que Marrocos e os seus aliados da UE, entre eles o Estado español, e os EEUU podan ter no Sáhara Occidental non son nin poden ser excusa para que se someta pola vía da forza a todo un pobo que quere facer exercicio da súa soberanía. Ou polo menos non debera servir de excusa en sociedades mínimamento democráticas.

Por iso, hoxe ás 20:00 na praza de Cervantes convócase unha concentración en solidariedade co pobo saharaui. Fagamos escoitar a nosa voz. Demostremos que os actos terroristas, de estado ou non, son condenados do mesmo xeito tanto se se producen en Europa ou en África, en América ou en Asia. Sexamos coherentes e manifestémonos contra un crime do que Marrocos é culpábel e do España, en grande medida, responsábel.

0 comentários:

Enviar um comentário