terça-feira, 23 de novembro de 2010

Programa de radio do estudantado


Os Comités de Ciencias da Comunicación temos entre mans un proxecto para crear un programa feito polo alumnado da facultade. Trátase dun espazo aberto, no que poden participar todas as persoas interesadas e onde poñer en práctica todos eses coñecementos que adquirimos na facultade, así como dunha plataforma para entrar en contacto directo co mundo dos medios de comunicación.

O programa que pensamos desde os Comités chamaríase LEIRA DA LERIA. Trátase dun espazo onde prima a palabra, a reflexión e a cultura mesturado con música e entretemento. O noso proxecto está totalmente aberto para novas aportacións, críticas ou incluso a unha total reformulación do espazo.

Neste espazo que vos propoñemos esixirase un compromiso serio, pois tratarase dun programa que sairá a antena, polo que cada persoa terá que deixar claro de antemán cal será o seu nivel de implicación no proxecto. Haberá un par de persoas fixas que saian cada día en antena para conducir o programa. Ademais, contarase con colaboradores para cada sección e tamén para todo o traballo que hai detrás de cada programa: o guión, a produción, a documentación...

Para levar todo este proxecto a cabo cómpre elaborar agora grupos de traballo. Para comezar sería preciso que de haber algunha idea nova con respecto á proposta de traballo nola fixerades chegar ou nos achegarades vós unha nova. Despois de ter claro cal vai ser o noso soporte en papel teremos que gravar unha maqueta para presentarlla a Radio Obradoiro ou Radio Fusión, que serían as emisoras nas que se emitiría o programa.

Pola nosa parte máis nada, agardamos as vosas respostas e esperamos vervos en vindeiras Asembleas para tratar o tema, xa que resulta máis sinxelo organizar todo o traballo directamente que vía correo electrónico, comitescomunicacion@gmail.com

0 comentários:

Enviar um comentário